Festa da Virxe da Clamadoira
en terras da Baixa Limia
(13 de setembro
de 2004)
Hoxe,
día 12 de Setembro, segundo domingo do mes, festexamos
a nosa Señora da Clamadoira nas terras
da Baixa Limia en Muiños.
Cada festa da Virxe ten para nós
un atractivo especial: neste ano o Sr. Bispo da diocese de
Ourense, D. Luis Quinteiro Fiuza, por primeira vez no seu
pontificado ourensano, sube ó monte da Clamadoira para
honrar a María, nai de Deus, e para face-lo camiño
da fe cos devotos marianos destes pobos muiñenses.
¡Sr. Bispo, sexa benvido a estas terras, que viron chegar
a fe pola vía Nova romana, e que por moitos anos nos
acompañe!
Recordo que, o día 17 de Maio
en Lobeira, no homenaxe a D. Xaquín Lorenzo, fillo
predilecto da Baixa Limia, o Sr. Bispo preguntoume si na Clamadoira
habería tanta xente coma no Viso. Eu resposteille que
non era o informador máis obxectivo por ser natural
destas terras, pero que, “moitos ou poucos”, os
de Muiños imos todos a Clamadoira. En verdade, é
unha forza interior a que nos leva ó santuario da Virxe
para rezar, para confesar, para comulgar, e para expresar
a catolicidade da nosa fe dende o curuto do monte, máis
alá do val e do río, brincando por enriba de
horizontes e néboas.
¡Abofé
que a Virxe da Clamadoira acóllenos con tenrura de
nai garimosa no seu monte santo a tódolos romeiros!
Sentímonos ledos e seguros á súa beira.
Temos ganas de falar, de rir, de troular, de chancear sobre
o ocurrido dende o ano pasado. Boa lección a aprender
por tódolos axentes de pastoral: inmigrantes, alonxados,
indiferentes, non practicantes, algún ateo, si é
que o hai, mozos e mozas, solterios ou casados, ninguén
se debe sentir forasteiro na casa común da Igrexa,
coma tamén ninguén se sinte forasteiro ó
carón da Virxe da Clamadoira.
¡Virxe bendita da Clamadoira,
intercede por nós para que saibamos ser testemuñas
do amor misericordioso de Deus alá abaixo, no val da
vida, na familia e no traballo de cada día; que os
crentes saibamos pedir perdón pola mala acollida prestada
á aqueles que máila estaban precisando para
alentar o fogar da súa fe; que as nosas vidas trasluzan
a experiencia gozosa de Xesucristo, teu fillo e noso salvador,
nunha sociedade plural e secularizada; tamén che queremos
pedir, Nai bendita do ceo, polos defuntos todos, familiares,
amigos e coñecidos, teus fieis devotos, para que descansen
na paz!
D. José Pérez Domínguez
Vicario de Pastoral.
|