Inicio | Presentación | Dirección y servicios | Fondos | Notas de bibliofilia

 

Inicio > Notas de Bibliofilia > Entrega 7: "Letras entre as letras: crónica a propósito dun esquecemento"

   
   NOTAS DE BIBLIOFILIA - ENTREGA 7

 

Letras entre as letras: crónica a propósito dun esquecemento

 

 

 

"Historia est testis temporum, lux veritatis, vita
memoriae, magistra vitae, nuntia vetustatis”

Marco Tulio Cicerón

 

 

 

    Resulta curioso comprobar a variedade de sorpresas que pode conter un libro. E isto podemos dicilo non só nun sentido figurado, a propósito do que a súa lectura pode chegar a depararnos, senón que se converte en evidencia, cando entre as obras que compoñen un legado que chega á Biblioteca, atopamos unha carta, unha fotografía, unha flor seca,…

    Os libros forman parte da vida das persoas que os len, e neles quedan tamén en forma de ex libris, anotacións, marcas, selos e demais obxectos e recordos perdidos nas súas páxinas, retallos e momentos da vida das persoas.

 
 

 

 

    Como mostra de todo iso, de entre ese material atípico que tamén está nos libros e custodia esta Biblioteca, queremos sacar hoxe á luz, pola súa singularidade, tres letras de cambio, xiradas todas elas en Ourense, pola sucursal nesta cidade da entidade mercantil Hijos de Simeón García y Compañía de Orense, contra o Banco Anglo Sudamericano en Buenos Aires, o día 17 de decembro de 1923, as dúas primeiras, á orde de Dona Aurora e Don Antonio Gutiérrez Lorenzo, respectivamente, por senllos importes de 8.200 pesetas e 8.000 pesetas, e o día 25 de xaneiro de 1924, a terceira, á orde da referida Dona Aurora Gutiérrez Lorenzo, por importe de 336 pesetas. A curiosidade que agochan as mesmas, non estriba tanto no valor que como material impreso poidan ter, que é ben pouco, senón polo que as mesmas evocan.

 

 

 

 

    A letra de cambio constitúe unha das máis xenuínas creacións do Dereito Mercantil. As súas orixes adoitan situarse en Italia, remontándose aos séculos XII e XIII, como un documento vinculado ao denominado cambio traxecticio, isto é, o cambio de moedas entre comerciantes situados en distintos lugares, para evitar as incomodidades e inseguridades que daquela presentaban os camiños, que facían desaconsellable o traslado material de moedas, e para superar tamén os efectos da prohibición canónica do empréstito e a usura [Cfr. M. Broseta Pont e F. Martínez Sanz: Manual de Derecho Mercantil, Madrid, 2006, pp. 419 e ss.]

 

 

 
 

    Cando unha persoa necesitaba dispoñer dunha suma importante de diñeiro noutra localidade, entregáballo a un banqueiro da súa, e este daba a cambio unha carta ou littera na que declaraba recibida a cantidade, coa orde dirixida ao que debía entregar o diñeiro na outra praza. O tomador da littera, ao chegar ao seu destino, acudía ao banqueiro ou cambista designado, que entregaba en lugar do documento, a suma reflectida en moedas. Desta forma, xorde a estrutura que, en esencia, aínda nos nosos días, presenta a letra de cambio, onde atopamos un documento que incorpora unha orde de pagamento dada por unha persoa (librador) a outra (librado) para que pague ao seu vencemento o importe expresado a favor dun terceiro (tomador).

 

 

 

    Posteriormente, co devalar do tempo, incorporaríanse ás letras de cambio as cláusulas de endoso, polas que o tomador pasa ou endosa a letra con todos os seus dereitos a outra persoa, e a aceptación, pola que o librado recoñece a súa débeda, co que se amplían as formas e funcións das letras de cambio, que acabarán servindo, ademais de como instrumentos de pagamento que evitan o transporte de diñeiro dun lugar a outro, como instrumentos idóneos para a obtención de crédito a curto prazo, pospoñendo o pagamento ao momento do vencemento da letra, e cumprirán tamén unha función de garantía das transaccións comerciais, pola eficacia directamente executiva que acabarán tendo, habilitando ao seu detentador ou tomador para reclamar o cobramento mediante un xuízo rápido e sumario, fronte ao que o debedor, en síntese, só terá a alternativa de pagar ou ver embargados os seus bens.

 

 

 

    Nos exemplares que temos diante de nós, o librador é o establecemento denominado Hijos de Simeón García y Compañía de Orense, que xira as letras a favor de Dona Aurora e Don Antonio Gutiérrez Lorenzo, con vencemento á vista, isto é, para ser aboadas no momento da súa presentación ante o librado, que neste caso é a entidade Banco Anglo Sudamericano de Buenos Aires. Ademais, correspóndense coa segunda copia de cada unha delas, tal e como consta carimbado de forma moi evidente. A razón de tal identificación das copias é que as letras de cambio son unha clase de documento mercantil que ten valor por si mesmo, á marxe do dereito que instrumenta, de forma que se se perde o título cartáceo, igual sorte corre o dereito cambiario que incorpora. Por iso era corrente, por motivos de seguridade, facer e identificar as copias que se xiraban dunha mesma letra, incluíndo a mención correspondente. Nos exemplares que comentamos, resulta patente tamén que se fixeron tres copias de cada letra, dado que se indica que ten que pagarse “por esta 2ª de cambio, no habiéndolo hecho por la 1ª ni la 3ª”.

 

 

 

    A entidade Hijos de Simeón García y Compañía de Orense ten a súa orixe no grupo de empresas fundadas en 1857 en Santiago de Compostela por Don Simeón García de Olalla de la Riva, natural da zona da Sierra de Cameros, en La Rioja. Este empresario, inicialmente, dedicaríase á comercialización de téxtiles por xunto, e co tempo foi estendendo a súa actividade comercial á especificamente bancaria, propiciada pola negociación de letras de cambio e a concesión de crédito aos seus clientes nos negocios téxtiles, chegando a abrir sucursais ou filiais non só nas principais cidades de Galicia, senón por toda España e nalgunhas cidades de América Latina.

[Para un estudio en profundidade das orixes e evolución do hólding familiar creado por este empresario camerano, vid. M. J. Facal Rodríguez: Los orígenes del Banco Simeón: evolución de los negocios de Simeón García de Olalla y de la Riva (1857-1983), en http://www.usc.es/estaticos/congresos/histec05/b23_facal_rodriguez.pdf (consulta: 04/11/2007)]

 

 

 

    A presenza do grupo na cidade de Ourense, iniciaríase no ano 1879, cando a entidade Simeón García y Compañía de Santiago abre unha sucursal dedicada á compravenda por xunto e polo miúdo de xéneros de seda, la e algodón. No ano 1887 esta sucursal convértese en sociedade regular colectiva baixo a denominación Simeón García y Compañía de Orense, que volvería cambiar pola de Viuda e Hijos de Simeón García y Compañía de Orense no ano 1895, tras o falecemento do empresario fundador. Por esta época, compra o predio urbano no que se situaría o singular edificio, hoxe propiedade da Deputación Provincial e destinado a fins culturais e administrativos, que aínda podemos contemplar na Rúa do Progreso da capital ourensá, cunha factura de calidade e arquitectura ecléctica, símbolo da puxanza económica que daquela tiña a empresa, que inicialmente o destinou a almacéns. No ano 1907 sería cando a sociedade adopta a denominación de Hijos de Simeón García y Compañía de Orense, que é a que figura nas letras de cambio que trouxemos aquí a colación. Convén ter en conta, non obstante, que esta entidade mercantil, malia a súa certa autonomía local, dependería da sociedade matriz familiar creada e domiciliada en Santiago de Compostela, posuidora da maioría do seu capital, e dirixida polos herdeiros de Simeón García, instalados xa por estes anos en Madrid e Barcelona. Por iso, vemos como o núcleo dirixente do grupo non se situou nunca en Ourense, aínda que fose a sociedade Hijos de Simeón García y Compañía de Orense a primeira do grupo familiar en solicitar a súa inscrición como banqueiro, acolléndose á denominada Lei Cambó; dándose lugar con tal circunstancia á confusión de que a orixe do Banco Simeón estaría en Ourense [Concretamente, solicitaríase tal inscrición no ano 1922, conforme indica M. J. Facal Rodríguez, p. 34; aínda que L. Rivas Villanueva: Banqueiros ourensáns na Restauración, Ourense, 1990, p. 193, sinala que foi no ano 1918, cando se instaura tal casa de banca en Ourense].

 

 

 

    O que si parece ser certo é que a actividade bancaria da sociedade Hijos de Simeón García y Compañía de Orense, acadaría certa importancia, converténdose quizais no puntal do negocio bancario de todo o hólding familiar, como consecuencia das circunstancias que presentaba este sector na cidade de Ourense naqueles anos. Efectivamente, en 1921 declarouse en suspensión de pagamentos Pedro Romero y Hermanos, a coñecida Banca Romero, que operaba aquí dende 1907, ocupando en certo xeito o oco deixado por Don Manuel Pereiro Rey, que dende 1860 viña exercendo a súa actividade como banqueiro, falecido en 1903; e en 1922, tamén daría en quebra a outra casa comercial bancaria de renome como tal en Ourense, Viuda e Hijos de Juan Pérez Fortes [Cfr. M. J. Facal Rodríguez, p. 35, n. 183, e tamén L. Rivas Villanueva, pp. 89 e ss.]. Todo iso ben puido permitir que Hijos de Simeón García y Compañía monopolizase dalgunha maneira o negocio bancario nesta capital e a súa área de influencia, permitindo así o rápido e exitoso desenvolvemento deste segmento da súa actividade. Esta sociedade desaparecerá definitivamente no ano 1958, ao ser absorbida polo Banco Español de Crédito, S.A., e o negocio bancario do grupo familiar propietario desenvolveríase dende entón, fundamentalmente, a través da sociedade Hijos de Simeón García y Compañía de Vigo, xerme do que a partir de 1965 sería Banco Simeón, S.A. [Cfr. M. J. Facal Rodríguez, pp. 37 e ss].

 

 

 

    Pola súa banda, o Banco Anglo Sudamericano, Ltd., contra o que constan xiradas as letras, foi fundado no ano 1889 baixo a denominación de Bank of Tarapacá and London, Ltd., polo magnate inglés John Thomas North (1842-1896), tamén coñecido como o Rei do Salitre. Este empresario chegou a controlar o mercado do nitrato de sodio (ou salitre), empregado fundamentalmente na agricultura como abono, mediante diversas e audaces manobras tras a Guerra do Pacífico (1879-1884), tamén chamada Guerra do Salitre, que enfrontou a Chile, Perú e Bolivia, e a raíz da cal aínda manteñen algún que outro contencioso estes países, constituíndo un auténtico monopolio que o convertería nun opulento magnate, posuidor dunha enorme fortuna.

 
 


John Thomas North

 

 

    O Bank of Tarapacá and London, Ltd adoptaría a denominación que figura nas letras de cambio comentadas, no ano 1901, cando se fusiona co Banco Anglo Argentino, comezando un período de expansión, mediante a compra doutros bancos, tras o que chegaría a ter oficinas en Nova York, París e outras cidades europeas [Cfr. B. Estrada Turra: «La colectividad británica en Valparaíso durante la primera mitad del siglo XX», Historia, nº 39, Santiago de Chile, 2006, pp. 65-91, principalmente pp. 74-75]. Tamén, a partir de 1917, tería presenza en seis cidades españolas, entre as cales estaría a sucursal de Vigo, por conta da que se xiran as letras que nos ocupan. O desenvolvemento deste Banco estaría vinculado coa importante participación británica no comercio latinoamericano de principios do século XX, centrándose o seu movemento na negociación de efectos comerciais e traspasos de fondos e créditos entre prazas de Europa e América.

 

 

 
 

    As letras de cambio que temos ante nós responden á época dourada do envío de remesas a Galicia procedentes da emigración a América, que podemos situar entre os anos 1880-1930 [Cfr. P. Cagiao Vila y X. M. Núñez Seixas: «Galicia e o Río da Prata», Os galegos de Ultramar, vol. 1, en X. R. Barreiro Fernández, dir.: A gran historia de Galicia, A Coruña, 2007, t. X, pp. 19 e ss.].

 

 

 

    E precisamente, o instrumento máis frecuente para levar a cabo os envíos de remesas eran as letras de cambio. No proceso interviñan as redes de comerciantes banqueiros das cidades americanas que recibían o diñeiro dos emigrantes, entregando a cambio unha letra que era enviada a España ao familiar ou beneficiario da remesa, que a tería que presentar ao cobramento no establecemento de calquera dos comerciantes banqueiros españois [Cfr. J. R. García López: Las remesas de emigrantes, factor de desarrollo en España en los siglos XIX y XX, en http://remesas.org/files/JoseRGarcia.doc (consulta: 04/11/2007)]. Resulta obvio pensar que o procedemento tamén podería darse en sentido inverso, como nas letras que nos ocupan, onde Hijos de Simeón García y Compañía de Orense (librador) emite as letras a favor de Dona Aurora e Don Antonio Gutiérrez Lorenzo (tomadores), para que sexan pagadas por Banco Anglo Sudamericano en Buenos Aires (librado ou pagador).

 
 

 

 

    Non paga demasiado a pena elucubrar sobre as razóns que puideron motivar o xiro das letras (o pagamento de débedas ou anticipos, ou de xéneros recibidos en Galicia dende Argentina,… poden ser razóns probables), posto que, ademais, as letras de cambio poden instrumentar per se negocios moi diversos e obedecer a circunstancias enormemente variadas, aínda que os importes destas resultan dunha contía significativa, se pensamos que unha remesa correspondente a un xornal medio anual podía supoñer unhas 1.500 pesetas nesa época. Mais en calquera caso, o que si deixan ver é a importancia que un día tiveron as relacións comerciais entre Galicia e Iberoamérica, como consecuencia da masiva emigración transoceánica.

 

 

 

    Este fenómeno migratorio, que suporía a saída de máis dun millón de galegos, non só tivo consecuencias puramente demográficas, senón que resultou determinante dos cambios sociais, económicos, políticos e culturais experimentados na Galicia contemporánea. As remesas de diñeiro americano propiciaron, entre outros fenómenos, a afirmación da propiedade privada coa redención de foros e a modernización agraria e industrial, e contribuíron á expansión bancaria e á consolidación de certos sectores da burguesía comercial e industrial, especialmente, nas cidades e vilas que eran portos de saída [Cfr. P. Cagiao Vila: «De emigrados a inmigrantes», Os galegos de Ultramar, vol. 2, en X. R. Barreiro Fernández, dir.: o.c.,  pp. 22 e ss.].

    http://www.consellodacultura.org/arquivos/aeg/

 

 

 

    Así pois, aínda que con frecuencia se fala da emigración como fenómeno negativo, e humanamente quizais o sexa de certo, sendo innumerables os dramas que encerra, polo menos dende un punto de vista económico non cabe dubidar que supuxo importantes consecuencias positivas, como as que acabamos de apuntar, sendo, finalmente, un factor determinante do desenvolvemento da nosa sociedade e do que aínda somos debedores directos.

    Quizais hoxe, en Galicia, na conxuntura, que vivimos, temos esquecido un pouco todo iso, como se esquece o que antes fomos e o que podemos chegar a ser, e como esquecidas quedaron un día as letras de cambio que amosamos, entre as letras dun libro.

 
 


http://www.manuelferrol.com

 

 

 
Autor: Roberto Couto Calviño
robertocouto@terra.es