É a ruta xacobea galega
de maior percorrido. Pasa polas provincias de Ourense, Pontevedra
e A Coruña. A entrada a Galicia presenta diferentes
alternativas de trazado: dende o nordeste de Portugal pola
zona de Verín, e dende Zamora pola localidade da
Mezquita, que sería a máis tradicional dende
a antigüidade.
Este camiño
é unha prolongación da calzada romana denominada
Vía da Prata que comunicaba as cidades de Emerita
Augusta (Mérida) con Asturica Augusta (Astorga),
cruzando de sur a norte o oeste peninsular e salvando os
álveos dos ríos Texo e Douro. A vía
romana trazaríase entre estas dúas importantes
cidades hispanas do Imperio aproveitando camiños
máis antigos. Na alta idade media este camiño
mantívose vivo, primeiro durante o período
hispano-visigodo e despois baixo a dominación islámica
andalusí.
Foi a partir
de mediados do século XIII cando a vía sur-norte
foi reutilizada espontaneamente polos peregrinos xacobeos
procedentes de Andalucía e Estremadura. Uns continuaban
ata Astorga, enlazando co Camiño Francés.
Outros, non obstante, tomaban o camiño a Compostela
pola desviación de Pobra de Sanabria-A Gudiña-Laza/Verín-Ourense-Santiago,
que facía o traxecto máis curto e rectilíneo,
mentres que algúns atravesaban o nordeste de Portugal
cara a Bragança ou Chaves, entrando polo sur da provincia
ourensá cara a Verín, para seguir dirección
a Ourense por Laza ou Xinzo de Limia. O treito A Gudiña-A
Serra Seca-Santiago de Campo Becerros-Laza-Ourense (A Verea
Sur) mantivo tamén a súa vitalidade en sentido
contrario, camiño de Castela, polos galegos que ían
traballar ás segas da Meseta.
Dende a capital
ourensá o Camiño continúa cara a San
Cristovo de Cea. Habería peregrinos que buscarían
a hospitalidade monástica da abadía de Oseira,
mentres que outros apresuraríanse para chegar a Dozón.
Os principais
hospitais de peregrinos na provincia de Ourense están
en Xunqueira de Ambía, Verín, Monterrei, Allariz
e Ourense. O primeiro coñécese pola documentación
dos anos 1520-1540, gardada no Arquivo Histórico
Provincial de Ourense, na que se cita a don Alonso de Piña
como fundador do hospital de peregrinos de Xunqueira de
Ambía. Situado nas inmediacións do centro
monástico, este hospital tiña capacidade para
acoller e atender a cen peregrinos nacionais e estranxeiros.
En Verín estaba o hospital de San Lázaro.
O de Monterrei conserva aínda a súa portada
coa data de fundación (1429), aínda que se
sabe que a hospitalidade do albergue condal existía
dende 1320.
Do hospital de
Allariz, emprazado no casco histórico e fundado entre
os séculos XIII-XIV, aínda se conserva o vello
edificio con emblemas xacobeos gravados na rexa cantería
da súa fachada. Un documento de 1678 afirma que ofrecía
cama e comida durante dous días ós peregrinos
xacobeos procedentes de León, Castela e Portugal.
Na cidade de Ourense era o hospital de San Roque, situado
no soar da actual Alameda do concello, o centro asistencial
que atendía enfermos, pobres e peregrinos. A súa
elegante portada renacentista aínda se conserva na
praza da Trindade. O seu frontón clasicista acubilla
unha imaxe de Santiago Peregrino.
Tamén
hai que ter en conta a hospitalidade monástica desenvolvida
nesta ruta xacobea, especialmente na abadía de Santa
María de Oseira. Nos seus claustros e no seu hospital,
que se remontan ós finais do século XII, atenderon
os monxes cistercienses de Oseira a numerosos peregrinos
que se dirixían a Compostela. No tocante ás
ordes militares que coidaban do Camiño do Sueste,
destaca a presenza da Orde de Santiago no itinerario de
Laza-Xunqueira-Ourense.