Noticias da Diocese de Ourense Volver

Curso de Cristiandade nº 74 da Diocese de Ourense

Imprimir página

 

2 de maio de 2008

Cursos de Cristiandade de Ourense

Os pasados días 25, 26 e 27, na Casa de Exercicios de Ourense, celebramos a tanda de Cursos de Cristiandade nº 74 da nosa Diocese.

Foi un Curso especial porque á xente que viña da nosa provincia uniuse un grupo de cinco pontevedreses. O motivo foi que non se formou un grupo suficiente na súa Diocese para o seu propio Curso, de tal maneira que decidiron, en palabras do seu Consiliario, “trasladar o Curso a Ourense”. Gracias a iso, estes días gañaron en riqueza e coñecemento, ó irmandarse ambas Diocese.

Tal unión non desentoa pois, ademais de pertencer todos a unha mesma Igrexa, xa se deron casos de unidade entre nós: o primeiro Curso en Ourense foi guiado por xente da provincia irmá.

Desenvolvemento

O desenvolvemento dos Cursos é ben coñecido por cantos os viviron. E é que a experiencia e o testemuño persoais contan moito nestes días. O importante é compartir e redescubrir o fundamental cristián: coñecer, amar e seguir a Cristo na súa Igrexa. Cristo si e a Igrexa tamén.

Para este encontro contamos coa organización e dirección de 12 persoas (o Cadro), responsables da boa marcha do Curso. Foron os encargados de preparar o lugar, as charlas e a animación.

En compañía doutros cursillistas, o venres recibiron á xente que se animou a vir. Os lugares de procedencia eran distintos e non todos puidemos estar á mesma hora. Deu igual: a chamada de Cristo había resonado nos seus corazóns. Despois de cear si puidemos iniciar con todas as da lei: todos reunidos, presentándose e compartindo as primeiras preguntas e inquietudes.

E así ata o domingo, día que non baixou en intensidade aínda que fose o último. Pola tarde, trala Mesa da Eucaristía e a mesa da merenda-cea, saímos a xuntarnos con cantos viñeron á Clausura. Sempre se oferta este momento que posibilita o testemuño público dos novos cursillistas, respondendo ás consabidas preguntas de: ¿Que fixo Xesús por ti? ¿Que farás ti por Cristo?. Tamén oramos xuntos ante Xesús Eucaristía, dando por clausurado o Curso na mesma capela.

A alegría da unidade

Non só contamos coa presenza de cinco irmáns de Gondomar e Vigo senón que, na clausura do domingo, viñeron un grupo de Chaves e unha representación de Cursillistas pontevedreses. A distancia, como pode verse, non foi obstáculo para a común alegría. De feito, ata  se falou dunha Ultreia en Vigo.

Agora, xa no Cuarto día, o Curso mantense vivo pola Escola de Cursos, que se reúne (en Ourense) no Salón do Bispado todos os luns ás 20.30 h. Mensualmente, celébrase unha Ultreia. Esta vai percorrendo diversos lugares da Diocese. Para entendernos, é un Curso sintetizado ou resumido nunha soa tarde e adoita ser motivo de reencontro para os cursillistas, ademais de poder publicitar este carisma a quen non nos coñeza.

DE CORES.

Ligazóns.

Mira e descarga as fotografías do Curso nº 74.
Coñece un pouco máis este carisma.

 

  Volver