Queridos amigos:
¿Qué tal todo pola cidade das Burgas? Esperamos e desexamos que estupendamente. Nós aquí con tranquilidade, coñecendo e facendo o que podemos, pero moi contentos.
Aquí tedes unhas verbiñas destes que o 16 de novembro chegaban á parroquia Santa María Madre de Jipijapa, cheos de sono e agotados pola viaxe, pero coas maletas repletas de ilusión e ganas de traballar e que xa máis descansados seguimos mantendo tódalas ganas de traballar e aínda temos máis ilusión, que queremos compartir convosco.
Xa temos tres meses de vida ecuatoriana e o corpo vaise afacendo a esta terra e o corazón vai xa querendo a esta xente. Poderíamos contarvos moitas cousas que nos chamaron a atención ou que nos sorprenderon durante este tempo aquí en Jipijapa: por exemplo as casas da xente, a maioría de cañas e cinc ou follas de palma, vaia que máis somellan ser galiñeiros que casas. Logo os camiños de entrada ós recintos na zona rural, tan ben podes atopar un burato no que se enterra o todoterreo coma unha pedra ou unha árbore pra que tes que saca-lo machete e abrir oco pra pasar (o Camilo é o técnico co machete pero agora vai a especializarse o Isaac…).

Preme na imaxe para ampliar
Claro que o que máis nos chama a atención segue a ser o funcionamento das institucións. O papeleo aquí é terrible; fan falla varias visitas pra arranxar o que ahí pode levarche media hora nunha mañá. Logo o triste é como funcionan a educación ou a sanidade (se é que se pode chamar así). Hai que dicir a prol do primeiro que os nenos e as nenas, ademáis de ser moi fermosiños van a escola todos uniformados, dá gloria porse á porta dun colexio e contemplar como saen en riadas (porque iso si, aquí nenos, ¡a centos!) tan guapiños como van. En canto a sanidade… temos un hospital, case mellor o edificio, cun letreiro que pon “no escupir en el suelo”… non ten apenas nada, desgraciadamente.
Imos contarvos un caso que nos tivo ocupados e preocuapados pero que, lamentablemente, é só unha mostra do que sucede con frecuencia nestas latitudes:
Chegou unha mañá unha nai cunha filla de 6 anos ó dispensario médico (dito sexa de paso basta velo para decatarse da grande laboura que os cregos que aquí estiveron levaron a cabo, xunto con outras moitas obras que día a día descubrimos e admiramos e que están sendo un consolo e unha aportación en cantidade e en calidade para esta, xa nosa, xente impagable, por iso ademáis do agarimo co que notamos tratan ó Camilo, seguen a lembrar ós que aquí estiveron con moito agradecemento: Manoliño, Manolo, Digno e Gumersindo) que temos na parroquia.
Unha médica diagnosticou que tiña apendicite. Foron preguntar en varias clínicas canto costaba operala e eran prezos que a familia non podía permitirse. No hospital público tamén lle cobraban unha cantidade que non podían pagar. De tal xeito fomos nós falar co director do hospital a ver que se podía facer. Primeiro problema, non hai un ciruxano que opere, xa non un pediatra ciruxano, se non un só para operar. O director moi amable dixo que si conseguiamos un, el puña a disposición o hospital e mesmo nos deu un papel pra falar cun que tiña certa vinculación ó hospital. Fomos buscalo e tamén amablemente ofreceuse para vir operala nena. Levamos a nena ó hospital. Segundo problema, non hai nada para operala. Déronnos unha lista coas cousas que compren: agullas, xiringas, suero, anestesia, fío,… (podedes crelo que non dicimos mentira). Terceiro problema, nas farmacias tampouco atopas aquilo que fai falla ou é moi pouco: 5 farmacias tivemos que percorrer para poder completar todo o que o médico nos dixo. Por fin levamos todo e operaron á nena.
Ó cabo dun par de horas fomos vela nena. Estaba dormidiña nunha habitación do hospital (hai que velas!!!). Cuarto problema, non teñen antibióticos para o tratamento postoperatorio. Outra vez correndo cara outra farmacia a buscar o que precisan. En fin Deus lle axude á nena. A mamá, se alguén non fai todo este proceso que nós fixemos, o único que faría sería levala para casa e xa vos podedes imaxinar que lle sucedería a Sandi, que así se chama o anxiño…
Pero non remata a historia, uns días máis tarde con motivo de ter a misa de Nadal no hospital (que parece que é tradición), atopámonos outra vez a Sandi alí ingresada co pronóstico de infección de puntos. Xa vedes, volta a empezar, buscar polas farmacias a medicación correspondiente, falar cos médicos para que volvan intervila, etc, etc. Todo un panorama, así é o Ecuador.
A xente é boa e danos moito agarimo e aprezo. Nos atopámonos ben e iso que Isaac ten un pouco de medo ás serpes e o José Luis durme "daquela maneira" polo ruído que hai pola noite: camións, autobuses, motos, cans, burros, paxaros e outros bichos (agora que comezan as choivas veñen os grilos e os sapos tamén co seu respectivo repertorio). Camilo vainos pondo ó día en todo o que nos tocará traballar. Menos mal que está el acá porque se non "pobriños destes cregos novos". Pero Camilo xa con tantos anos de experiencia jipijapense, xa case que un manabita máis, vainos dando as indicacións pertinentes e guiándonos para que non tardemos en "enseñarnos" (é dicir, acostumarnos), así din aquí.
Como xa non tardará en marchar para Ourense, a xente está toda afanada en prepararlle unha despedida como se merece, agardamos que ahí lle dedes tamén unha benvida que tamén se merece, logo de tantos anos entregados a misión diocesana con xenerosidad admirable. Nós de vez en cando ímoslle contando como son as cousas por España, é por se acaso, pois el agora ten que avezarse de novo a Ourense: conducir pola dereita, pór o cinturón de seguridade, non condurcir pola praia, non levar un machete no coche, dicir de novo bolsitas e non funditas, ...
Nada máis. Seguimos contando co voso apoio. É fundamental para nós e para estas persoas. Ante todo coa vosa oración. Aquí nós témosvos sempre preparado un oquiño no noso corazón e tamén na nosa casa. Ahí van unhas fotos para que vexades que "guapos son os nosos feligreses". Sede felices. Nós xa o somos.
Isaac e José Luis.