A Catedral de Ourense / Museo Catedralicio Voltar á páxina anterior


     Plaza do Trigo s/n
     Tfn: +34 988 22 09 92
     32005  Ourense

 


     Cabido Catedral

 


     Miguel Ángel González García

 


     Laborables de 12 a 13 e de 16:30 a 19 horas
     Domingos de 16:30 a 19 horas

 

     Entrada individual - €.

     Grupos de 15 o máis persoas - €.

 

 

 


 

No ano 1944 comezaron os trámites para a exhibición permanente dalgunhas singulares pezas do tesouro catedralicio. A consecución dun lugar axeitado supuxo o traslado do vestiario dos capitulares e a realización de diversos accesos a outras dependencias da catedral. Os autores do proxecto foron os arquitectos Menéndez Pidal e Pons Sorolla. No ano 1954 finalizáronse as tarefas e inaugurouse o museo, situado nun ángulo de nobre arquitectura, única parte que se construíu dun claustro de finísimo gótico, a Claustra Nova, que contén diversos elementos de gran calidade, como capiteis e ménsulas, que se integran dentro da oferta artística do museo.

 

No ano 1992 procedeuse a unha reestruturación do museo, mellorando as instalacións, a iluminación e a seguridade. Así mesmo, incorporouse ó catálogo máis dun centenar de novas pezas.

 

Existe o proxecto de ampliación do museo acondicionando a capela de San Xoán, onde se recolleron tallas de aceptable calidade con este fin.

 

Pantocrátor
(Ara portátil do abade Pedro de Celanova. Pórfiro verde gornecido de prata dourada e nielada. Cara ó ano 1105)


 

Contido:
Os fondos proceden do tesouro capitular e dos depósitos de parroquias da diocese. Dous centenares de escolleitas obras integran o catálogo. Sobresaen as seguintes:

  • O chamado tesouro de san Rosendo, procedente de Celanova e constituído por unha ara portátil de pórfiro e prata, varios peites litúrxicos, cáliz, mitra e báculo de almafí, todo do século XII. Ademais do anel do Santo, anterior ó século X, e de oito pezas de cristal de rocha dun xogo de xadrez fatimí.

  • O conxunto de placas de esmalte (Limoxes, século XII), que pertenceron a un frontal ou a arquetas de reliquias.

  • A ourivería, riquísima, vai encabezada pola monumental Cruz preciosa de fins do século XV, a custodia procesional do Corpus do século XVII ou o relicario dos santos Rosendo e Trocado, fina obra renacentista de prata sobredourada. É interesante a colección de cálices e moi curioso o candeeiro limeño do século XVII.

  • Tamén se exhiben diversos ornamentos sagrados e dúas xoias da bibliografía ourensá: o Misal Auriense de 1494 e as Constitucións Sinodais do impresor Tanco.

  • O capítulo da escultura abrangue tallas pétreas e lígneas da época medieval e obras dos grandes mestres activos en Ourense desde o século XVI ó XVIII, como o chamado mestre de Sobrado, Cornelis de Holanda, Francisco de Moure, Mateo de Prado... Tamén son presenza destacada varios taboleiros do coro, obra de Juan de Angés e Diego de Solís.

  • Outras obras singulares que destacan son a cruz de acibeche de fins do século XV, a arqueta de almafí italiana con escenas de Susana da mesma época que a anterior ou unha ara romana.


Tesouro de San Rosendo
(Mostra)
 

Báculo de San Rosendo
(Almafí, século XII)

Cáliz
(Prata en parte sobredourada. Nó con decoración de grifóns entre follaxe. Procede de Celanova. Século XII)

Anel de San Rosendo
(Filigrana dourada e pedra dura romana. Século XII - IX)

 

  Voltar á páxina anterior