A Catedral de Ourense / Historia Voltar á páxina anterior


XERALIDADES

A catedral de Ourense sorprende ó visitante pola súa recolecta beleza, sobria elegancia, luminosidade equilibrada e funcionalidade litúrxica. Está considerada como un dos grandes templos románicos de España. Data da segunda metade do século XII e primeira do XIII sendo consagrado o seu altar maior en 1188. Os engadidos posteriores, que non desfiguran a súa fundamental unidade, constitúen unha variada mostra dos diferentes estilos de épocas sucesivas (románico, gótico, renacentista, barroco, neoclásico e actual).

Desde tempos remotos Ourense é capital da súa diocese, e xa a partir do século VI se coñece o nome dalgúns dos seus bispos. Durante o reino suevo tivo un especial protagonismo, e construíuse unha primeira catedral que "estivo edificada no lugar que hoxe ocupa a igrexa de Santa María Nai". Daquela época nada conserva o edificio actual, só quedan os capiteis e columnas de mármore do país reutilizados na fachada barroca da citada igrexa, quizais procedentes da primitiva construción.

A invasión musulmana supuxo para Ourense un grave episodio que non foi superado ata a repoboación efectuada por Afonso III arredor do ano 900. Non transcorrera un século cando novas incursións, agora por parte dos normandos e do caudillo musulmán Almanzor, arrasaron a cidade. No derradeiro cuarto do século XI o bispo Eredonio construíu e dedicou un templo a Santa María Nai que debeu facer o oficio de catedral ata que se consagrou a actual, pois as súas reducidas dimensións impedían satisfacer as esixencias de culto impostas pola prosperidade da sé auriense no século XII. Non obstante, esa prosperidade é máis unha intuición ca unha evidencia documental, pois as continúas devastacións que ó longo dos séculos sufriu a cidade de Ourense e a súa catedral provocaron perdas importantísimas no arquivo da Igrexa.

A carencia de noticias documentais explica que sexan diversas as opinións sobre a data de construción da catedral, e aínda que as diferenzas non son de moitos anos, si son relevantes. O único dato seguro é a acta de consagración do altar maior á que xa se fixo alusión ó comezo.

A súa estrutura é románica de transición (moi notable neste sentido), con certa inspiración cisterciense e influxo compostelán como igrexa de peregrinación.

Ten planta de cruz latina, coa primitiva cabeceira de tres ábsidas (hoxe só queda a central, mutilada), tres naves separadas por piares cruciformes, arcos dobrados e apuntados e bóvedas de crucería de gran prestancia arquitectónica.

A catedral ocupa o mesmo soar da primitiva basílica do período suevo. Ó longo da historia feudal da cidade foi convertida en fortaleza en numerosas ocasións. Foi declarada monumento nacional o 3 de xuño de 1931 e ten honores de basílica dende o ano 1887.

 

PERCORRIDO TURÍSTICO XERAL

O mellor é comezar desde o exterior e, como as portas da fachada principal adoitan estar pechadas, entraremos no templo por algún dos seus accesos laterais. Dirixirémonos cara ó fondo (arranque das tres naves), situándonos fronte ó Pórtico do Paraíso, xusto de costas á entrada principal. Despois de ver o antedito pórtico continuaremos a nosa visita polo interior da catedral, sempre de esquerda a dereita.

Para realizar este percorrido pódese acceder, dentro desta mesma sección da Catedral, a "Percorridos", onde mediante un mapa poderemos seleccionar o lugar que queiramos ver con detalle.

 

  Voltar á páxina anterior